Este 2021 cúmprense dez anos dende que o noso actual director tomou posesión da batuta da banda Unión Musical de Cabral. Como homenaxe a tal efeméride queremos recuperar unha pequena vídeo-entrevista na cal podemos coñecer de primeira man a historia de como chegou a dirixir a banda de Cabral:
EDUARDO GONZÁLEZ LÓPEZ - DIRECTOR
Nace no ano 1972 en Marín (Pontevedra), onde inicia os seus estudos musicais da man de Vicente Esparza e Antonio Budiño. Ós doce anos matricúlase no Conservatorio de Música de Pontevedra na especialidade de clarinete, iniciando así os seus estudos de forma oficial. Nesta época ten como profesores a Francisco Javier Vidal, profesor do Conservatorio de Música de Redondela; a Esteban Valverde, profesor do Conservatorio de Música de Pontevedra; e a Francisco Pérez, no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde acada a titulación de profesor na especialidade de clarinete.
Amplía os seus estudos asistindo a clases maxistrais con profesores de renome como Enrique Pérez Piquer, solista da Orquestra Nacional de España; Vicente Peñarrocha, profesor do Real Conservatorio de Música de Madrid; ou Francisco Espejo, solista da Orquestra da RTVE.
No mundo da dirección empeza da man do mestre José Alfredo Sánchez Murcia, antigo director da agrupación Belas Artes. Asiste tamén a clases con Marcel Van Bree e Javier Viceiro, e realiza cursos de dirección cos mestres Jan Van Der Roost, Marcel Van Bree, Enrique García Asensio e José Rafael Pascual Vilaplana.
Foi membro fundador do cuarteto de clarinetes Quórum Musical; da Banda de Música Ateneo Santa Cecilia de Marín, onde tamén imparte clases na súa escola de música; e da Asociación Músico-Cultural de Ribadumia, onde foi profesor de clarinete. Estivo á fronte da Banda de Música Unión Musical de Tenorio, coa que obtivo un terceiro premio no III Certame Provincial de Bandas de Música de Pontevedra.Tamén foi director da Banda de Música Belas Artes de Cangas, coa que participou en
diversos festivais tanto en Galicia como no resto do territorio nacional (León, Huesca, Madrid, etc.). Nos anos 2005 e 2006 participou no V e no VI Certame de Bandas organizado pola Deputación de Pontevedra, e obtivo en ambos casos o segundo premio na segunda sección. En 2008 participou no I Certame Zonal da Deputación de Pontevedra e obtivo o primeiro premio na primera sección, que volveu repetir o ano seguinte no II Certame Zonal.
Dende febreiro de 2011 está á fronte da Banda de Música Unión Musical de Cabral, coa que obtivo tamén numerosos premios entre os que destacan o primeiro premio da terceira sección no VI Certame Galego de Bandas de Música (2012), que se repetiría no VIII Certame Galego de Bandas de Música (2014), ou o segundo premio no X Certame Galego de Bandas de Música (2016).
Comentarios
Publicar un comentario