A Unión Musical de Cabral fundouse no outono de 1986 no concello de Vigo. Foi o mestre Francisco Velasco Calvo quen se fixo cargo da batuta da nova banda, que actuou nos seus inicios en diversos puntos da xeografía galega e portuguesa e no programa da TVG Palco da música.
En 1988 recolleu a batuta o mestre Celso Otero Covelo, e nese mesmo ano a banda participa nun intercambio musical coa Agrupación Utielana de Valencia, actúa en tres ocasións para a Televisión de Galicia e no Teatro Principal de Zamora.
No ano 1991 toma a dirección da agrupación Carlos Enrique Tilve González, natural de Cabral, e neste momento a banda comeza a consolidarse na escena musical.
O mestre Juan Manuel Campos Paz asume a dirección da banda en 1994, e con el participa en diversos festivais de bandas de música en Portugal, na XVI Convivencia de Bandas de Música Ibérica, no I Festival Ibérico de Bandas de Monçao, no XII Encontro de Bandas de Vila Franca de Xira, no Festival Internacional de Música Amadora de Tomar, e nun festival de creación propia na parroquia de Cabral. Ademáis colabora no disco Imágenes sonoras de Vigo. Cando en 2006 Juan Manuel Campos, tras doce anos á fronte da agrupación, decide darlles o relevo a novos valores, toma a batuta Emilio Lede Abal, que dirixirá a banda durante un ano.
Ó ano seguinte asume a dirección Julio Álvarez Pereiro, con quen se inician novos proxectos e a banda obtén recoñecementos entre os que destacan o terceiro premio na terceira sección do VII Certame Provincial de Bandas de Música de Pontevedra, o primeiro premio na terceira sección do I Concurso Zonal de Bandas de Música de Vigo, o primeiro premio na terceira sección do VIII Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra, e o terceiro premio na terceira sección do II Certame Galego de Bandas de Música.
En decembro de 2009 colle a batuta Carlos Cabaleiro López, quen dirixe a banda durante un ano, no que a agrupación consegue un segundo premio na segunda sección do III Concurso Zonal de Bandas de Música de Vigo.
Dende febreiro de 2011 está á fronte da banda o mestre Eduardo González López, con quen se inician novos proxectos como a recuperación do Festival de Bandas de Música de Cabral. Nestes últimos anos a Unión Musical de Cabral obtivo tamén numerosos premios entre os que destacan o primeiro premio da terceira sección no VI Certame Galego de Bandas de Música celebrado en 2012, que se repetirá no VIII Certame Galego de Bandas de Música celebrado no ano 2014, ou o segundo premio no X Certame Galego de Bandas de Música celebrado no ano 2016.
Comentarios
Publicar un comentario