"As nove bandas de música de Vigo tocarán mañá en Castrelos durante doce horas seguidas"
(Noticia na Voz de Galicia o 08/07/2004)
Dende ás 11 da mañá ata pasada a medianoite, as nove agrupacións que integran a Federación de Bandas de Música Populares de Vigo poñerán mañá banda sonora ao parque de Castrelos. A iniciativa da federación que preside Enrique Lorenzo Vila conta co apoio da concellería de Festas e espera contar co apoio do público. «O repertorio actual das bandas é atractivo para todo tipo de público, -indica Vila-, xa que tocamos dende temas clásicos e populares, a bandas sonoras ou cancións de artistas de moda, como Bisbal».
A ocasión servirá tamén para presentar "Imagenes Sonoras de Vigo", un dobre CD que contén unha pista interactiva con instantáneas da cidade cecidas por Turismo de Vigo, que as bandas gravaron no auditorio do Conservatorio Superior. Enrique Lorenzo explica que a xornada, bautizada como "I Día con Bandas de Música", creouse con intención de continuidade para que estas teñan un espazo no que continuar a tradición das bandas como transmisoras da música.
Case 500 instrumentistas. Con unha media de cincuenta integrantes por agrupación, entre 450 e 500 músicos de todas as idades, pero novos na súa gran maioría, forman parte dos grupos musicais. Lorenzo, que dirixe a de Matamá e toca a trompa, lembra que el empezou aos 10 anos e que o instrumentista máis novo da súa banda conta con 12 anos.
O himno da cidade. Ademáis, o acto terá como colofón a interpretación conxunta de varias pezas, entre elas, o "Himno a Vigo" de José Carlos Rodríguez. O autor non desiste no seu empeño de buscar o recoñecemento oficial da súa obra desde a súa estrea, en 1995, ante un auditorio no que se atopaba o ex-alcalde Manuel Pérez, que prometeu publicamente a súa oficialización. Naquel acto tamén entoou a peza a actual alcaldesa, Corina Porro, polo que Rodríguez recobra a esperanza na súa partitura tras varios anos apartado do ámbito musical por enfermidade e tras realizar algúns cambios na súa composición e Lalo Vázquez Gil na letra da que eliminou referencias relixiosas.
Comentarios
Publicar un comentario